O espectáculo, programado para o 6 de maio, contará cunha vintena de músicos convidados, todos galegos e de diferentes estilos musicais
A banda porá así a guinda á xira de presentación do seu último disco “Baixo a luz de Breogán”, no que fusiona aínda máis o seu estilo roqueiro con melodías celtas e buscando a esencia das tradicións
A lista de artistas convidados ao concerto que ofrecerá Astarot o 6 de maio polo seu 40 aniversario confirma que será un espectáculo que deixará unha forte pegada e momentos irrepetibles. Tonhito de Poi (Herdeiros da Cruz) Lucía Pérez ou Raquel Pato (irmá de Cristina Pato e compositora da música de Negro Caravel) son só algúns dos últimos nomes confirmados, se ben o listado que se aproxima á vintena: Bieito Romero e Xan Cerqueiro (Luar Na Lubre), Alberto Cereijo (N.E.O. e Los Suaves), Fernando Calvo (Los Suaves), Rosa Cedrón, Bieito Romero Diéguez (Luar na Lubre e BREO), Xosé L. Rivas, “Mini”, Josito Porto, Loren Tevra, Irma Macías (Luar na Lubre) Pedro Valero (Luar na Lubre), Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) e Dani Camaño o completan.
Todos estes artistas galegos e de diferentes estilos musicais queren acompañar a Astarot, lendario e singular grupo de rock galego, na celebración dos seus 40 anos enriba dos escenarios, un feito do que non moitas bandas poden presumir. Será un recoñecemento unánime á súa traxectoria profesional, iniciada en 1983. Este evento será un dos grandes concertos do ano en Galicia, reunindo a unha parte moi representativa do panorama musical galego. Terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo (Pontevedra), o día 6 de maio ás 20:00 horas. As entradas xa se poden adquirir, desde 10 euros, na web https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/auditorio-municipal-de-cangas/15371--astarot-en-concierto-40-aniversario-especial-con-invitados.html. Tamén nas taquillas do recinto, unha hora antes do inicio da actuación.
Como queda demostrado con este listado de artistas convidados ao concertazo de Astarot, son moitos os que queren celebrar o aniversario dos seus 40 anos de carreira, nos que a banda cantou ás tradicións e á xente da terra, mantendo sempre nun lugar especial ás xentes do mar.
Baixo a Luz de Breogán é a máxima expresión do traballo de tantos anos. O disco rende tributo a autores da nosa literatura como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Xela Arias, entre outros. Neste último traballo tampouco podían faltar versións de clásicos galegos como Chove en Santiago ou Camariñas, que se mesturan con temas propios en galego e melodías creadas coas letras dos grandes escritores da literatura galega.
Baixo a Luz de Breogán contén 14 cancións nas que Astarot contou coa colaboración de artistas como Bieito Romero ou Xan Cerqueiro, algúns dos nomes confirmados para o concerto do 6 de maio en Cangas, un espectáculo moi agardado e que será o máis importante da súa historia.
Astarot está formado por Juan A. Antepazo (vocalista), Carlos Gandón (guitarras e voces), Carlos Rodal (baixo), Nano Vikendi (guitarras e voces) e José M. Piedra (batería).
O mítico grupo, nado en Cangas do Morrazo e que se singularizou pola seu peculiar estilo, pleno de forza e música vibrante, suma xa 9 traballos discográficos con máis dun cento de temas: Dónde se hospeda el pasado (1990); Respirando ( 1994); Apuesta y gana (1996); Astarot, Xacobeo ´99 (1999); O Sentir dunha Terra (2000), Longa Noite de Pedra (2005); Séptimo Pecado (2013); Una vida en un segundo (2017) e Baixo a Luz de Breogán (2022).
A xira de concertos na que actualmente está inmersa a banda para presentar o seu último traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, e financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das respostas da Unión Europea á pandemia da covid-19.