Bieito Romero, moi agradecido, remarca que “esta inclusión dignifica e fai medrar o noso patrimonio como pobo”
A Real Academia Galega vén de confirmar a incorporación da palabra “LUBRE” ao seu Dicionario despois de que o Seminario de Lexicografía da institución ratificase a decisión o pasado 21 de maio.
A proposta de inclusión no Dicionario da palabra “LUBRE” fora trasladada polo líder e fundador do grupo ‘Luar Na Lubre’, como un xeito de recuperar e recoñecer o valor histórico e literario do termo que conforma, tamén, o nome desta formación musical xa emblemática.
Bieito Romero atopouse por primeira vez con esta palabra refollando o dicionario de Xosé Luís Franco Grande (publicado pola editorial Galaxia en 1968), alá polo ano 1986, cando fundou o grupo.
Precisamente polo vínculo con Vigo, tanto de Franco Grande como de Galaxia, a iniciativa para lograr esta incorporación ao galego normativo arrancou na cidade olívica, onde a banda deu un concerto o pasado 15 de febreiro. Días antes da actuación, Bieito Romero foi recibido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen tamén amosou publicamente o seu apoio á iniciativa de inclusión desta palabra, que agora se converte en realidade.
Así, segundo a definición recollida pola RAG, lubre (s.m. ou s.f.) significa: “Bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos” e inclúe como exemplo a frase: “Sentíronse grandes brados nos lubres silandeiros”. É, practicamente, a mesma definición incluída por Franco Grande no se dicionario.
Despois de recibir a nova, o líder de Luar Na Lubre, Bieito Romero, amosa a súa satisfacción: “Logo de ter presentada hai uns meses a iniciativa para que a palabra lubre fose agregada ao Dicionario da Real Academia Galega, o día 21 de maio recibimos a boa nova de que xa é oficial a súa incorporación. Dende Luar Na Lubre estamos congratulados de que a Real institución fose sensible á incorporación deste termo histórico e literario da nosa lingua e dámoslle as grazas a todos e cada un dos membros polo feito.”
Ademais, o músico tamén quixo destacar o papel de Navia Franco, filla de Xosé Luis Franco Grande, neste fito xa que apoiou o proceso dende o inicio. “Queremos agradecer o empuxe, o ánimo e a positividade que dende o primeiro momento nos transmitiu. Considerámola parte moi importante do conseguido”.
Desde a súa fundación, Luar Na Lubre ten levado a palabra “LUBRE” a máis de 50 países, con máis de 2.000 concertos e máis de 300.000 discos vendidos. Segundo explica Romero, “a palabra Lubre, a través da nosa música e os nosos relatos, cobrou vida de novo.”
O grupo está a preparar xa o seu 40 aniversario, cun novo proxecto internacional no que o concepto de “LUBRE” terá un papel destacado: “Será tamén un recoñecemento a todos aqueles devanceiros que a fixeron brillar nas súas historias e nos seus dicionarios. Seguro que estarán ben satisfeitos de que se dese concluído un acontecemento coma este que dignifica e fai medrar o noso patrimonio como pobo.”
A RAG sinala que, aínda que a incorporación da voz xa está aprobada desde o 21 de maio, a súa visibilidade na versión en liña do DRAG poderá tardar uns días, mentres se completan os últimos axustes técnicos.