Mãe é un traballo conceptual que xira arredor da defensa e o respecto á natureza. Inclúe catro temas de aproximadamente 10 minutos cada un, onde se expoñen diferentes lugares e vivencias na infancia do músico relacionadas co mundo natural.
A decisión do bouzoukista e arpista de non ofrecer de momento o album a través de plataformas dixitais non limita o caudal de afagos: “é un disco para escoitar en silencio, con el nas mans”
"Extraterrestre, extraordinario, maxistral, puro rock sinfónico, cegador, inmenso..." Este abafador caudal de loas, que podería continuar ata completar un longo parágrafo, está provocado polo novo disco de Quico Comesaña, “Mãe”.
Compañeiros de agora e antes, amigos de sempre, coñecidos, críticos musicais e todos aqueles que tiveron a oportunidade, nada fácil, de escoitar este traballo, conflúen nunha mesma conclusión: é unha obra inmensa, de proporcións áureas. As súas conclusións son a constatación de que o seu primeiro álbum en solitario situouse, nada máis saír, na antesala do olimpo do folk mundial. Agora xa so é cuestión de tempo que penetre nel para ocupar con honras maiores algún dos lugares máis destacados do mesmo.
Pero vaiamos ao principio. Cofundador de Berrogüetto e integrante do mítico grupo durante os seus 17 años de existencia, fixo un punto e parte na súa carreira en xuño de 2014. O día 24 daquel mes e daquel ano, Berrogüetto deu o seu último concerto, despedíndose para sempre, pero tamén, sen que ninguén o soubera, foi o último concerto oficial de Comesaña. E non precisamente porque el quixera.
Un raro caso de artrite apartouno nada máis e nada menos que 8 anos e 16 días do lugar central que ocupaba no taboleiro musical galego. E co mesmo sixilo co que abandonou os escenarios, cando é posible incluso que moitos se esqueceran del, 2.939 días despois emitiu unha sinal grandiosa, prodixiosa, chamada Mãe.
Mãe é a ousadía en grado sumo dun artista humilde e tímido. Porque ousado é que neste tempo en que todo é dixital Comesaña se negara, e o sigue facendo de momento, a ofrecer o seu novo traballo a través de plataformas dixitais (de aí a comentada dificultade para escoitar Mãe). E máis ousado aínda é que nun tempo en que todo se mide en caracteres e segundos, o elepé do seu debut sexa tal cal aqueles de comenzos dos 70, os anos dourados da música progresiva e do rock sinfónico: 4 temas puramente instrumentais de 10 minutos cada un. Chámanse Clorofilia, Marea, Animal Sapiens e Terranea.
Tolemia ou xenialidade? Sen dúbida o segundo, pero para chegar a esta conclusión hai que mercar Mãe e escoitalo en silencio, co disco físico entre as mans, para así poder marabillarse coa súa elegancia, complexidade e meticulosidade entre sons de guitarras acústicas, eléctricas, arpas célticas, mandolinas, bouzoukis, banjos ou percusións varias, que son so algúns dos instrumentos que pasan polas mans de Xosé Enrique Comesaña Pedreira. O acompañan Marcos Padrón (acordeón), Carmen Gallego (violín e nykelharpa), Gonzalo Arévalo (óboe) e Isaac Palacín (pratos e triángulo).
Por todo elo, o crítico Fernando Neira describía recentemente Mãe como unha obra “soberbia, intelixentísima, culta, fermosa ata extremos extenuantes. (…) un prodixio que tiña que acontecer, antes ou despois”.
Sen deixarse arrastrar por este caudal de afagos que abrumarían a calquera, Quico Comesaña continua a traballar, agora nunha versión en formato quinteto para poder levar este primor de álbum aos escenarios.
Este traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, e financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das respostas da Unión Europea á pandemia da covid-19.